martes, 12 de mayo de 2009

molecular

Estaba evitando falar das cousas do meu home no blog, porque, como ben di el, si tivera interese en andar espallando pola rede todo o que fai, xa tería el o seu propio blog, e, como di o outro, xa terá un blog cando merque un gato... Ademais empezo a parecer Elvira Lindo falando do seu santo... Pero, non podo resistilo máis... porque a cousa está tomando proporcións alarmantes...
Ao libro do McGee, que fora no seu dia o desencadéante deste furor pola cociña..(eu diría que polos experimentos de física e química de bacherelato, en realidade) engadíronse ultimamente estas dúas adquisicións. O do leite é autentica obsesión... xa fixo requeixo, crema agra, mascarpone, xeado, iogur ¿que máis?...Desde que atopou na tenda un leite crú, sen pasteurizar, dunha cooperativa de Lalín, anda coma un xílgaro de contento... porque non sabedes as porcarías que lle fan o pobre leite nas fábricas, ... iso si que é deconstrucción... A súa teima é, ademais do leite, o frío, de aí a deriva natural ao xeado, sorbete e demais variantes... A verdade é que merece a pena por a receita do xeado, creo recordar que era algo así: Ingredientes: 1 vaso de nata e un vaso de leite, azucre e esencia de vainilla (isto último opcional), dúas bolsas zip de conxelación de unha pinta, e unha dun galón (ou era ó revés?) auga e sal. A min tamén despistáronme estes últimos ingredientes, tiven que ir ver que raios era un galón, porque o da pinta parece que o visualizaba mellor ... Resultou que as bolsas normais que venden son -onza máis onza menos- precisamente dun galón ou dunha pinta, así que por ese lado non atopou problema. E indo ó choio, estes son os pasos a seguir Instrucións: Encher as bolsas grandes de auga con sal nunha proporción do 15%, creo recordar e poñelas a conxelar Encher a bolsa pequena co resto dos ingredientes e axitar (no remexer) ata que se integren (ollo: non poñer aceituna) Cando a temperatura das bolsas de conxelación este ben baixiña (poñamos os -16º) chimpar a bolsa pequena no medio como un sandwich e deixala un cartiño de hora no conxelador. Sacala e ir vendo como vai, remexer un pouquiño o xeado para que quede uniforme e ollo co Frostbite! mellor envolver todo o lote cun pano. O da salmoeira agora o ten máis estudado creo, xa non o fai en bolsas zip senón en caixas de plástico, porque tivo algúns problemas de verquidos, pero aínda non sei como fará o sandwich cos tupper... en fin, poño algunha foto dos últimos postres que nos ten feito...cada un deles tería unha historia detrás... o mus feito so con auga e chocolate, por exemplo...outro dia Postpost: A receita púxena a ollo lembrando o que lle vira facer e o que me pedira na lista da compra, comprobado o asunto co xefe, faime as seguintes aclaracións: -As tres bolsas de conxelación van no mesmo tamaño, sexa pinta, sexa galón. -O único que vai ao conxelador son as dúas bolsas de salmoeira. -Os ingredientes do xeado reméxense (fora da bolsa), non se axitan, e logo de remexidos e botados na bolsa ponse esta entre as dúas bolsas conxeladas (aí é cando a que ter coidado co frostbite e envolver todo cun pano para non quedar cos dedos pegados para sempre xamais nas bolsas) -O xeado faise case ó instante , en menos de 15 minutos, enriba da mesa da cociña, sen bater, sen remexer, sen axitar...e sen metelo no conxelador. Vese que a frase de moda na casa é ollo co frostbite, rapas, seguida de perto por esta outra... na cociña o frio é o novo calor...

No hay comentarios: